A sample text widget

Etiam pulvinar consectetur dolor sed malesuada. Ut convallis euismod dolor nec pretium. Nunc ut tristique massa.

Nam sodales mi vitae dolor ullamcorper et vulputate enim accumsan. Morbi orci magna, tincidunt vitae molestie nec, molestie at mi. Nulla nulla lorem, suscipit in posuere in, interdum non magna.

‘Corredores de sombra’, de Agustín Fernández Paz

Clara Soutelo, da familia Soutelo. Filla do dono do pazo de Vilarelle, neta do anterior señor do pazo, en conclusión unha rapaza mais de cidade, desas que ían a Vilarelle e miraban por riba do ombreiro os mozos e as xentes da aldea. Pero non, Clara non era así, non era coma a súa prima, e se iso non fose suficiente, o verán de 1995 cambiou totalmente a súa vida.

Xa pasou bastante tempo dende o ocorrido, mais Clara necesita contalo, coa axuda dos seu diario e da memoria a historia irase desenvolvendo. A aparición dun corpo envolto nunha alfombra entre as paredes do pazo esperta a curiosidade de Clara. O corpo con dous tiros na cabeza non ten nome. Quen empuñou a arma? Quen é o morto? Coa axuda de Miguel, ese mozo da vila ao que coñeceu roubando mazás na súa horta e do que se enamorou sen darse conta, e do seu tío Carlos, o seu apoio emocional na familia. O misterio irá avanzando descubrindo segredos tapados pola Guerra Civil.

Corredores de sombra, de Agustín Fernández Paz, é un libro moi interesante e entretido, onde as sensacións e os sentimentos se suceden. As ansias de liberdade por parte de Clara, as ganas de superarse e escapar de Miguel e a curiosidade e ata decepción por parte de Carlos. O misterio é asombroso e á vez simple e as historias da Guerra Civil que se entrelazan no argumento son interesantes e a un tempo duras. En conclusión, na miña opinión Corredores de sombra é un libro altamente recomendable.

Antía Castelo (4º B)

‘Memorias dun neno labrego’, de Xosé Neira Vilas

Memorias dun neno labrego trata sobre a vida dun rapaz pobre, que non vivía moi feliz coa súa familia debido a todos os problemas que tiñan. Nesta historia móstrase a vida tan dura que tiñan antes, nos tempos nos que a xente tiña que emigrar para conseguir un bo traballo ou simplemente algún oficio no que puideran gañar diñeiro para poder cubrir as súas necesidades.

O protagonista chámase Balbino, é un rapaz aventureiro e pícaro, que vive unha serie de conflitos ó longo da historia pero que finalmente consegue superar. Hai numerosos personaxes neste conto cos que Balbino terá algunha que outra relación, uns seran os seus amigos, a súa familia, os mestres, os seus veciños, a mestra da que se namora, etc.

A historia de Xosé Neira Vilas sitúase na Galiza dos anos 40, na época das emigracións dos galegos a América, momentos moi duros para a xente deses tempos.

Na miña opinión este é un gran libro porque nos mostra a dura realidade que vivían día a día as persoas durante eses anos nos que había tanta pobreza. Recoméndoo a todo o mundo xa que é unha grande novela e gustoume moito.

Nerea González (4º C)

‘O vixía no centeo’, de J. D. Salinger

Jerome David Salinger naceu en New York no ano 1919 e comezou escribindo relatos para os periódicos desta cid  ade. O vixía no  centeo (The catcher in the rye) foi publicado en 1951 e fíxose rápidamente moi popular entre críticos e mozos.

Se realmente queredes saber de que vai esta historia, a primeira cousa que debe interesarvos e onde nacín e como foi a miña piollosa infancia…

Con estas mesmas palabras comeza un dos libros máis polémicos nos seus principios e que reuniu máis adeptos dende que apareceu na escena editorial. Clásico da literatura norteamericana, foi lido por millóns de persoas en todo o mundo. O seu vocabulario sen tabús, unha historia que podería ser real. Todo esto catapultou este libro á fama.

Holden Caulfield, quen non se indentificou con este personaxe?, quen non sentiu o que el? quen non tivo os mesmos temores? Personaxe de carácter romántico, este mesmo carácter lévao a unha continua visión negativa do mundo, a desprezar os seus habitantes e os seus actos. De personalidade forte, ideas fixas e intelixencia esperta.

Estes elementos fan d’O vixía no centeo un libro máxico e apaixonado.

Antía Castelo (4ºB)

 

Quen é para ti Lois Pereiro?

A Concellaría de Cultura de Porto do Son convoca un certame para festexar o Día das Letras Galegas 2011, que neste ano se dedica ao poeta  Lois Pereiro. Este concurso ten como finalidade investigar e coñecer a figura do escritor monfortino así como potenciar a creatividade literaria e artística do alumnado dos diferentes centros escolares do municipio.

Quen é para ti Lois Pereiro?

Bases

  1. Redacción sobre calquera aspecto da vida e obra de Lois Pereiro.
  2. Debuxo ilustrado sobre poemas de Lois Pereiro.
  3. Poema en lingua galega sobre temática relacionado co poeta ou coa lingua galega.
  4. Establécense as seguintes categorías:
    1. Infantil: haberá un premio único por cada centro participante.
    2. Primaria: 1º e 2º; 3º e 4º, e 5º e 6º. Haberá dous premios por ciclo e un para a biblioteca dos centros participantes.
    3. Secundaria: 1º e 2º; 3º e 4º; 1º e 2º de bacharelato: haberá dous premios por cada ciclo.
  5. O xurado estará formado por un profesor de cada centro participante e un representante municipal.
  6. O derradeiro día de entrega de traballos será o 13 de maio.
  7. Os traballos entregaranse nos respectivos centros.

‘O único que queda é o amor’, de Agustín Fernández Paz

O único que queda é o amor, libro publicado en 2007 polo escritor Agustín Fernández Paz, foi recoñecido con importantes premios como o Premio Merlín, o Premio Lazarillo, o Premio Raíña Lupa ou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.

Este libro consta de varios contos que teñen como fío condutor o amor, xa ben sexa de forma satisfactoria ou frustrante. Os personaxes de cada historia pasan por dous momentos: primeiro o amor preséntase dunha forma doce e satisfai os personaxes e despois algo sucede que fai que ese amor se vexa corrompido e o que era fermoso e doce se converta en algo amargo que destrúe emocionalmente os personaxes.

Persoalmente, diría que este é un libro moi ben escrito, que vai dirixido a calquera público, e que sinceramente chega a mover os sentimentos do lector e incluso a facer que a persoa que está lendo a novela se chegue a identificar con algún dos relatos. Contén contos dunha gran carga emocional, que fai que te emociones e que consegue facer que nos metamos na pel do protagonista, e que sintamos, por un momento, o mesmo que o escritor está representando.

Cris Vila (4ºB)

Tourettes

Max e Noe comparten unha estraña enfermidade, a síndrome de Tourettes. Xuntos proxectan un plan para mellorar a súa vida, pero as cousas poderían non saír ben. Ficha técnica.

Aínda estades a tempo

Lembrades que no primeiro trimestre mergullámonos na creación de relatos de intriga baixo a forma do medo? Pois é hora de recuperar aqueles textos e presentalos a concurso.

Desde o IES da Pobra do Caramiñal convócase o Certame Literario “A Caramiña” de relatos curtos de intriga. Vai dirixido ao alumnado da comarca da Barbanza que neste curso 2010/2011 participe do Ensino Secundario Obrigatorio e Postobrigatorio. O prazo remata o 11 de maio.

Recomendacións de lecturas para o terceiro trimestre

De entre todos os títulos que tedes para escoller, Xaquín, Martín e Claudia propóñenvos estas tres novelas:

Vestio, de Xosé Miranda

Vestio é o título que Xosé Miranda lle deu a esta novela de terror. Foi publicado pola editorial Xerais de Galicia dentro da colección “Fóra de Xogo” no ano 2008.

A historia deste libro desenvólvese no remoto lugar de Viana das Veigas. Alí atópase morto un antropólogo inglés chamado Douglas Campbell. O cadáver tiña as mans esmagadas e o rostro deformado. A doutora Eva García atópase co cadáver, e encontra unha carta do morto, que curiosamente a policía non vira e ela decide lela. Cando comeza a lela ve que esa carta vai dirixida a ela aínda que non coñecía de nada o defunto, polo que decide non darlla á policía.

Ademais, nesa carta Douglas describe os estraños acontecementos que ocorre en Viana é o rara que é a xente de alí. Non había rapaces, pero sen embargo si había moitas embarazadas; a xente apenas falaba, tiña cambios bruscos de actitude, a mascota típica era o grilo, todas as persoas teñen un irmán xemelgo… Así mesmo, ó longo da historia hai momentos románticos proxectados no amor de Douglas por Rosa, unha rapaza de Viana.

Todos estes sucesos fan que a historia sexa moi intrigante e “engánchate” á lectura dende as primeiras páxinas. Os acontecementos son aclarados nas últimas páxinas e é tamén desvelado o significado deste curioso título: Vestio.

Por todos estes ingredientes da historia, a min o libro fíxoseme entretido, curioso e moi intrigante, que quizais é a característica máis salientable da novela. Despois disto non fai falta dicir que recomendo o libro a calquera persoa de máis de 15 anos (xa que posúe un vocabulario bastante técnico) interesada en ler unha boa novela de intriga e terror.

Martín Fernández Lojo (4º A)

Cazaría salvaxe, de Agustín Agra

O libro Cazaría salvaxe, de Agustín Agra Barreiro, é unha novela de terror, misterio, bruxaría e fantasía, que trata sobre o escuro, o sobrehumano, a morte… Foi publicado en Vigo no 2008 pola editorial Xerais dentro da colección “Fóra de xogo”.

Nel, Mario Gallardo, o narrador e persoaxe, conta a historia de Wotan, o Demo Negro. Relata como este saía cazar dacabalo, nas noites de inverno, dende o Mundo Subterráneo, cos seus cans diabólicos que perseguen e degoan todo o que atopan. Facíao cada ano, ao chegar o outono, e sempre se sucedían os mesmos pasos: víanse unhas luces no horizonte, que non desaparecían co amencer; aparecía unha espesa borraxeira que cubría campos, leiras, lugares e aldeas; comezaba unha persistente poalla; os animais alterábanse fortemente, berrando e correndo para onde podían; comezaba, tamén, a tronar; e pasaba a traxedia… Escapar era practicamente imposíbel.

A pesar de que había certos momentos da historia que me parecían algo macabros e incluso tráxicos, o libro gustome moito. Produce unha axeitada intriga no lector ata o final. Recomendaríallo a calquera persoa á que lle gusten as novelas de terror e fantasía, e a todo aquel que teña interese polas historias relacionadas coa morte e o sobrenatural.

Xaquín Queiruga Viqueira (4ºA)

O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas

Estala a Guerra Civil española. Herbal, o garda da prisión da Falcona, alíase co bando franquista. Nun dos enfrontamentos coa fronte popular, o garda vese obrigado a fusilar a un pintor, amigo do famoso doutor Da Barca. Queda co lapis que levaba na orella. Un lapis de carpinteiro. Símbolo do relato e título da propia obra editada por Xerais, o lapis guíanos fiando historias e modelando personaxes a través das páxinas desta fermosa historia de Manuel Rivas.

Un relato de amor interrompido pola guerra da crueldade, da que aínda a día de hoxe se perciben as dolorosas cicatrices no subconsciente dos que a sobreviviron. Só setenta anos nos separan dela, pero en moitos casos encontrámonos a un abismo para entender as atrocidades que a marcaron, para conseguir determinar se nós mesmos formamos parte desa especie que non se contenta coa matanza dos que non interesan no xogo, senón que -postos xa- prefire menú completo con torturas e maltrato previo. Pero ante todo isto, o que realmente define esta novela é a esperanza: Herbal, perdida a súa propia existencia anos atrás, decide seguir como calquera serie de televisión a vida do doutor Da Barca, a vida que a el lle tivese gustado posuír, sen darse conta de que con esta especie de parasitismo está a reconverter a súa propia existencia, proporcionándolle o sentido no que xamais crera.

Pero, na miña opinión, o que consegue a diferenza respecto dunha novela histórica reside na poética dos detalles. En cada capítulo, páxina, liña. Chiscos ao lector, que son diminutos momentos illados, pero que levantan o sorriso como quen abre unha caixa de sorpresas. Tan pequenos como “o xardineiro alzou o brazo nun movemento lento, vexetal” ou “as lavandeiras teñen as mans rosas porque de tanto fregar e fregar na pedra vanse quitando os anos da pel”. Cómpre ser un gran mago das palabras para conseguir quitar, poñer e modelar os sentimentos a antollo no lector: especialmente emotivas a escena na que o doutor Da Barca consegue encher o estómago dos presidiarios coa imaxinación, ou a descrición do encontro entre Da Barca e Marisa na praza da Quintana.

Historias e personaxes superpostos e unidos pola realidade intelixente que en conxunto crean “o pano indescritible”, esta fantástica novela.

Claudia Lestón Romero (4º B)

Animádevos a participar!!!

Na páxina dedicada aos Concursos podedes atopar unha descrición dos certames que están actualmente activos, tanto de poesía como de relato, de xornalismo e mesmo de expresión libre (redacción, debuxo, forografía…).

Os premios son moi interesantes e hainos incluso que premian, ademais do estudante gañador, a súa aula e o seu centro e ata o profesor… pero dese esquecédevos.

Castelao, vida e obra literaria e gráfica

Álbum Nós

Esta presentación recolle as láminas do Álbum Nós ao completo acompañadas polo tema homónimo do disco Zume de terra (2007), de Xosé Manuel Budiño, que inclúe nos primeiros compases a voz do propio Castelao nunha mensaxe gravada en fonopostal na Central de Correos de Bos Aires, co gallo da estrea de Os vellos non deben de namorarse, no Teatro Solís de Montevideo o 8 de outubro de 1941.

Os álbums da guerra

O segundo slide é unha compilación dos álbums da guerra do artista rianxeiro: Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos. A banda sonora correspóndelle a “A Daniel R. Castelao”, de Suso Vaamonde, do disco Nin rosmar dun laído, gravado ao vivo en Moaña en 1977.